Peter Brandon é a terceira serie da firma Porco Bravú. Unha comedia galega con tintes dramáticos que, cun estilo documental, satiriza o sector audiovisual a través duns personaxes inadaptados que queren atopar o seu lugar no mundo.
Pedro Brandariz é un cómico galego que, a punto de cumplir 40 anos, está confundido coa súa vida. Perdeu a ilusión polo seu traballo e síntese estancado profesionalmente. Quere dar o paso definitivo cara o seu éxito, pfacerse co público máis novo e ser recordado polo seu novo estilo de comedia. Para conseguilo adopta unha nova identidade, agora Pedro Brandariz é Peter Brandon.
Comezamos a gravar un documental sobre a súa vida onde seguimos de preto o seu cambio, amosando a vida dun cómico fóra dos escenarios. Nesta viaxe que emprende con nós vemos como loita polo seu soño de presentar un late night en Galicia. Mentres tanto a súa vida desmorónase e somos testemuñas das súas derrotas, que fan deste documental a derradeira oportunidade que ten para evitar botar a perder toda a súa carreira.